Espectáculo de danza para teatro e rua
Actualmente son unha afortunada. Podo danzar na rúa e irromper nas prazas cotiás de cidades e pobos. Podo poñer a miña danza sobre un linóleo nun teatro, nunha sala, en edificios que acumulan outros corpos, outros pasados.
Ambos son reto. Un corpo que danza nun teatro é un corpo que ten todas as luces, todas as miradas, toda especie de foco. É ter a responsabilidade poderosa de escoita dun público.
O reto da danza en rúa é ben distinto. Eu, que proveño dun pasado marcado polas danzas urbanas, pola rúa en si mesma e por danzar ante a súa intemperie, o corpo é un mesturado co todo, coa paisaxe. Ti es un elemento da paisaxe que, do mesmo xeito que un neno, un paxaro, as follas ou os coches, danzas. A rúa danza e ti con ela.
É por iso que aínda que me encante a creación para sala, con todo o goce que iso conleva e a posibilidade da maxia que unha pode xerar; adoro tamén o cotián, a cración para rúa, para a xente que non pisa o teatro. Para que a danza volva ao social.
Como danza en teatro actualmente danzo no espectáculo de Vaivén e o de Bipedestrucción (colectivo Disiden.cia). Público adulto e público familiar, respectivamente. O océano nun, a identidade noutro.
Como danza de rúa Onde pousa a humidade e O espazo que (non) habitamos (colectivo O Catavento). O primeiro é o meu primeiro amor, un corpo que se marcha, naufraga, entre prazas, parques, rúas. Os segundo corpos que se sosteñen e déixanse ir, como arquitecturas móbiles e fráxiles en cidades que non deixan de sobrecrecer.